Tuesday 21 de May de 2024

Cultura fomenta entre os nenos a lectura a través da actividade Merendas con Contos


Este programa desenvolverase entre outubro e maio na rede municipal de bibliotecas

O Goberno local, por proposta da Concellaría de Cultura, informa de que se saca a concurso o servizo Merendas con Contos,
unha actividade que se desenvolverá na rede de bibliotecas municipais co obxectivo de espertar o interese dos nenos pola lectura e os libros.
O Concello da Coruña licita por 22.500 euros anuais este contrato, que ten un prazo de duración de dous anos, prorrogables anualmente por dous máis ata un máximo de catro. O departamento municipal que dirixe Ana Fernández busca con Merendas con Contos a organización de actividades de animación á lectura mediante a narración e escenificación de contos clásicos e contemporáneos dirixidos a familias con nenos de entre 3 e 7 anos. Ademais, poderanse incorporar nos guións outras técnicas para captar a atención dos pequenos, como cancións, poemas ou adiviñanzas.
O servizo Merendas con Contos desenvolverase durante o período escolar, entre os meses de outubro a maio, nas bibliotecas municipais da Ágora, ou Castrillón, Fórum Metropolitano, Infantil, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia. En total, realizaranse 91 sesións -13 por curso en cada biblioteca- de entre 30 e 45 minutos.
A Concellaría de Cultura quere fomentar, a través das bibliotecas municipais, o interese pola lectura, sobre todo na primeira infancia, por entender que favorece o desenvolvemento motor, lingüístico emocional, cognitivo e lúdico dos máis pequenos. Deste xeito, a través da diversión e o entretemento, tamén se fomentan valores sociais e persoais entre os nenos, desenvolvendo a súa imaxinación.

SALAS DE EXPOSICIÓNS
O Concello tamén saca a concurso a contratación de servizos auxiliares de información e atención ao visitante nas instalacións dedicadas a exposicións temporais en Quiosco Alfonso, Pazo Municipal de María Pita, Palexco e a Casa da Cultura Salvador de Madariaga. Cun presuposto de licitación de 30.000 euros anuais e un prazo de duración de dous anos, prorrogables anualmente por dous máis ata un máximo de catro, o servizo permite atender ao público que se achega a estes recintos municipais e,
ao mesmo tempo, velar pola conservación das obras expostas.